Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Boqueixón organiza dúas iniciativas informativas gratuítas dirixidas a fomentar o cooperativismo entre a veciñanza


O prazo de inscrición está aberto ata o 5 de setembro no Departamento de Emprego, emprego@boqueixon.com ou 981 513 061

O Concello de Boqueixón organiza dúas iniciativas formativas gratuítas para a promoción do cooperativismo entre a súa veciñanza, que terán lugar o vindeiro mes de setembro na Casa Consistorial, en horario de tarde. Dúas xornadas (organizadas en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria) que están abertas á participación de calquera persoa interesada, sempre que se inscriba antes do 5 de setembro no Departamento de Emprego: emprego@boqueixon.com ou no 981 513 061.

Así, o Concello de Boqueixón organizará unha xornada, de 3 horas de duración, para a divulgación da fórmula empresarial cooperativa entre a veciñanza, ao tempo que se lles informa sobre as axudas e subvencións dispoñibles para a creación de cooperativas.

A segunda iniciativa é un curso-taller gratuíto de creación de cooperativas, de 25 horas de duración. Dirixido tanto a persoas ocupadas como desempregadas, o curso-taller busca que o alumnado adquira unha visión xeral do proceso de creación dunha cooperativa, de xeito que rematen cunha idea clara do camiño preciso entre a xeración dunha idea emprendedora e o inicio da actividade. O Concello de Boqueixón convoca 20 prazas, sendo preciso un mínimo de 10 participantes para a realización do curso.